Imprimir

Sánchez Bugallo apunta que o acto vandálico que destruiu parte da exposición “Mira con outros ollos”, é intencionado

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 
 

O alcalde, Sánchez Bugallo, durante a rolda de prensa.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asegurou, na rolda de prensa posterior a Xunta de Goberno, que o acto vandálico que destruiu completamente catro módulos da exposición “Mira con outros ollos”, exposta na Alameda, é “claramente intencionado”. Sinalou que “me avergoña, indigna e paréceme especialmente miserable e cobarde esta actuación”.

 

 

Un dos paneis esnaquizados

“Mira con outros ollos” programouse con motivo do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, que se celebrou onte. Está organizada pola concellaría de Políticas Sociais, que dirixe Mila Castro, a través da Unidade de Atención ás Migracións (UAMI), en colaboración coa Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas. Na madrugada do venres ao sábado apareceron tres paneis esnaquizados, e na madrugada do sábado ao domingo, outros catro. 

Catro deses paneis, os presentaban maiores destrozos e podían representar un perigo para a cidadanía, foron retirados. Para o rexedor, este acto de vandalismo débenos “avergonzar e enfadar”, xa que eses paneis recollen os nomes de máis de 40.555 persoas falecidas dende 1993 ata a actualidade por distintas causas, pero todas vinculadas aos procesos de migración e desprazamento. Faleceron, sinalou Sánchez Bugallo, “intentando chegar a Europa. Son persoas que perderon a vida intentado acadar unha vida mellor”. A destrución deses 4 módulos, indicou, implica deixar fóra, aproximadamente 11.000 nomes. 

Para o alcalde, trátase dun acto consciente, deliberado, “un acto insistente, que non me parece que sexa froito do gamberrismo”, ou dunha acción circunstancial. Explica que hai diferentes módulos, “algúns de Protección Civil”, e outros cos nomes das vítimas, e só foron destruídos estes últimos. 

O alcalde recordou que “Galicia é un país de emigrantes, no que probablemente os avós dos que fixeron isto, tiveron que emigrar a Brasil, Arxentina ou a outros países europeos, seguindo a mesma ilusión que teñen estas persoas intentando chegar a Europa: buscar unha vida mellor”. Por iso, engadiu, “paréceme que se hai un sitio onde é particularmente miserable facer iso, é en Galicia”, unha comunidade onde cada ano, 7.000 mozos e mozas teñen que emigrar; “e a todos nós nos parecería terrible que alguén os tratar desta maneira”. 


Un dos paneis destrozados, no que son visibles os nomes das persoas falecidas

Sánchez Bugallo sinalou que por desgracia, estas persoas que faleceron no mar, “non teñen unha lápida. O único monumento que os recorda son xustamente cousas como esta exposición”. 

O alcalde finalizou sinalando que espera que “todos condenemos este atentado e que todo aproveitemos” unha acción “lamentable e vergoñenta” para “reforzar a conciencia con relación ao problema da migración e inmigración, e desas persoas que actúan con xenofobia e con ese desprezo cara os demais”. 

O goberno municipal presentou hoxe na Xunta de Voceiros un borrador de declaración institucional de condena  e rexeitamento, co obxectivo que de que sexa aprobada no pleno do mes de xuño. 

O texto recorda que o Pleno da Corporación xa se tivo pronunciado por unanimidade no seu apoio ás persoas refuxiadas no ano 2016. Desde o goberno municipal consideran que, ante este tipo de delitos de odio non se pode permanecer impasible, xa que poñen en cuestión a convivencia, a cohesión e os dereitos das persoas migrantes e refuxiadas, coa intención de sinalalas, intimidalas e inxurialas. Por iso se vai propor ao pleno a adopción dos seguintes acordos.

1.- A reafirmación do Concello de Santiago de Compostela no apoio a tódalas persoas que migran ou se acollen ao dereito de asilo ou refuxio, e comprométese na defensa dos seus dereitos e da súa integridade moral.

2.- A condena rotunda ao ataque contra a exposición promovida con ocasión do Día Mundial das Persoas Refuxiadas no Paseo dos Leóns do Parque da Alameda.

3.- A reafirmación e o compromiso no desenvolvemento de políticas en prol do apoio e o soporte aos inmigrantes e refuxiados que residen en Santiago, e de promover a súa integración e benestar a través da Unidade de Atención ás Migracións e os demais servizos dos que dispón o Concello.

social youtube xornalgalicia   feed-image
Categoría: Santiago
Visto: 3028