Martín Seco denuncia que a Consellería adxudicou “1.478 contratos menores en 2020”, o que supón “centos de miles de euros de fondos públicos” outorgados de xeito directo “sen publicidade nin concorrencia competitiva”
Lamenta o veto do PP ao consumo de produtos de proximidade en comedores e cáterings dependentes da Xunta
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020. O responsable de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de denunciar o uso continuado de contratos menores por parte da Consellería de Medio Rural, o que cualificou de “obsceno”. Fíxoo tralo rexeitamento do PP a unha emenda socialista para incluír criterios de “transparencia” e cumprir cos mecanismos de contratación pública previstos na Lei nunha iniciativa do PP.
“A política da Consellería de Medio Rural baséase no síndrome do DOGA e da CRTVG: continuos anuncios e contratacións sen publicidade nin concorrencia competitiva”, aseverou. Así, o socialista incidiu en que “poderiamos denominala a Consellería do Contrato Menor, xa que no presente exercicio de 2020 levan adxudicados directamente, sen ningún tipo de publicidade nin concorrencia pública, nada máis e nada menos que 1.478 contratos menores”.
O responsable socialista lamentou “o paradóxico que resulta que, en plena era da administración electrónica e nun período de intensificación das canles de comercio electrónico, a Consellería non sexa capaz máis que de efectuar contratacións menores, facturazos e campañas de publicidade, tamén abonadas vía contacto menor”.
“Veñen a vendernos a todos os galegos e galegas as excelencias dunha xestión baseada pura e exclusivamente na contratación menor, na que non se solicitan tres orzamentos nos expedientes de contratación menor e que está caracterizada por unha práctica administrativa máis propia de época pretéritas de adxudicacións directas vinculadas a campañas electorais”, sentenciou.
Seco lamentou que “centos de miles de euros de fondos públicos” sexan “adxudicados sen ningún tipo de procedemento nin garantía de publicidade ou concorrencia”. Así, lembrou que a Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación publicou, no exercicio de 2019, que o sistema de adxudicación directa propia do procedemento da contratación menor “choca de maneira frontal co principio de libre concorrencia”.
FRONTE AO “CLIENTELISMO E AMIGUISMO”, UN MODELO BASEADO NA “TRANSPARENCIA”
Nesta liña, sinalou que na devandita instrución “se establece de forma taxativa a prohibición de fraccionamento dos contratos menores, as limitacións temporais, as obrigas de publicidade” e, “como medida antifraude e de loita contra a corrupción”, o órgano de contratación ten a obriga de “solicitar ao menos tres orzamentos”, o que “debe quedar suficientemente acreditado no expediente”.
O responsable socialista propuxo, “fronte a un modelo baseado no clientelismo e o amiguismo, un modelo de defensa da calidade dos produtos agroalimentarios”, baseado na “transparencia” e na “igualdade de oportunidades de todos os operadores agroalimentarios galegos”, xa que “é o lóxico e o legal”.
O VETO DO PP AOS PRODUTOS DE PROXIMIDADE EN COMEDORES E CÁTERING
Doutra banda, Seco lamentou o veto do PP a proposta socialista para instar ao goberno galego a introducir o consumo de produtos de proximidade e locais nos comedores e caterings dependentes da Xunta de Galicia. Fíxoo tralo rexeitamento do PP nunha proposición non de Lei do Grupo Socialista nesta liña.
O responsables socialista instou na iniciativa ao goberno galego a “introducir nos pliegos de contratación” de servizos de comedor e cátering a introdución de produtos de proximidade, que “poñen en valor a nosa terra” e son “de maior calidade”.
Nesta liña, Seco incidiu en que ademais de “fomentar unha alimentación máis saudable”, o consumo de produtos de proximidade é “máis respectuosa co medio ambiente” e ademais resulta “beneficioso para a nosa economía”, xa que os produtores locais “están pasándoo realmente mal” por mor da crise da covid, na que experimentaron “unha caída importante do consumo de produtos do noso sector primario”.
Por último, o responsable socialista destacou que hai “outras comunidades que aplican estas medidas”, como Canarias ou Asturias. Así, incidiu que na comunidade veciña “transformaron os menús escolares” introducindo “produtos ecolóxicos e locais”, na liña das accións da Estratexia NAOS e, “curiosamente”, estas comunidades “dispoñen dos comedores escolares máis baratos do país”.